A beleza da Pedra da Ra
A carón desta rocha zoomorfa cóntase que, hai moitos anos, produciuse un marabilloso suceso no que, eclipsando incluso ó máis grande tesouro imaxinable, impúxose a beleza.
Trátase dunha lenda que se repite en moitos lugares de Galicia, e en cada un cobra pequenos matices que a enriquecen.
Fálase aquí dunha fabulosa tenda que apareceu diante dunha muller que, sorprendida, entrou nela como se fose nun «hiper» daquel tempo, para remexer, ver, probar e tocar todo canto alí se expoñía; e ó facelo, imaxinábase cantos problemas solucionaría se fose a dona dun calquera dos obxectos alí expostos, peites, navallas, culleres, garfos, colares… todo, totalmente de ouro macizo.
A señora non sabía dicir cal era o trebello máis precioso; cada un deles brillaba coa incipiente luz do amencer como se un sol de mediodía lle dese de cheo, e mentres se ilusionaba remexendo entre tanta marabilla cavilaba para si que, se aquilo fose seu, podería recuperar o que se perde cos anos e conquistar todo o que nunca puidera soñar. Pero, para a súa desgracia, cando foi interrogada pola fermosa tendeira que a observaba detrás do mostrador: «¿Que lle gusta máis desta tendiña?», a paisana non soubo apreciar o verdadeiro tesouro que alí se gardaba, e diante da inesperada pregunta, abraiada, sentiu a urxencia de facerse dona dunha participación daquela lotería en rebaixas:
-Esas tesoiriñas.
Nese intre, a tendeira virou de cara e onde antes só había beleza amosábase agora a furia e a carraxe.
-Cobizosa, con elas arrincareiche os ollos e dareillos de comer ós porcos.
A beleza sentiuse ofendida porque fora desprezada e o encanto perdeuse.
Pasado un tempo, volveu aparecer a mesma tenda, no mesmo lugar e coa mesma tendeira ó fronte do mostrador. Pero desta vez, quen cadrou a pasar por alí foi un mozo garrido e ben plantado, que cando foi preguntado polo que máis lle gustaba, el, que sabía que a fermosura é a dona de todos os tesouros, non dubidou en responder: «A tendeira». E daquela o enfeitizo desfíxose, pero desta vez para convertelo a el no dono daquela fortuna.
Tal e como a contempla a nosa literatura oral, a beleza case sempre está por enriba das riquezas, porque é a única forza capaz de abranguelas, e aínda que, coma elas, ela tamén é efémera, mentres dura, disfrútanse as súas xoias e multiplícanse os seus réditos.
Pero esa Ra pétrea da foto, situada no lugar de Mourelos, parroquia de Palmeira e concello de Ribeira, que ampara a lenda citada, co seu fociño redondeado mirando ó solpor, erguido a ulir o ar, que posúe unhas marcas petroglíficas á altura do que podía ser a orella, axudando a embelecela, evoca outra idea de beleza, aquela que non está nas formas ou nas faccións do corpo; é a fidelidade, que nos trae á memoria o conto aquel do sapo que tiña por amante unha ra coa que, despois de vivir croando de felicidade un verán enteiro, cando lles chegou o outono e se refuxiaron nunha furna, el, mirando á súa compañeira, cada día máis enrugada, pensou: «Que ben me conservo eu e moito afeou ela, déixame ir dar unha volta que non me faltará quen me queira.
O sapo, fachendoso, recorreu os lameiros buscando ras novas, pero estas, cando o vían, fuxían del e chamábanlle vello potrudo, ou tirábanlle trastos e espetábanlle paos.
Cando se cansou de deambular sen encontrar amiga, desconsolado, arrimou a unha aba do camiño e ficou triste e angustiado.
Foi entón que a súa compañeira, notando que xa lle tardaba moito, saíu a buscalo, e el, véndoa de lonxe, para que non vise a súa desgracia, trataba de escorrentala berrándolle, «vaite de aí muller vella que eu estouche na primavera».
E a fiel amante, comprensiva, respondeulle:
-Meu velliño presumido, ¿quen che vai quecer do frío?.
Francisco Ant. Vidal