Mª Margarita Fernández Gómez

Mª Margarita Fernández Gómez (Palmeira, A Coruña, 1968) licenciouse en Filoloxía Clásica, e recentemente doutorouse no programa “Estudos da Literatura e da Cultura” coa tese Virgilio en Nebrija. El comentario de textos: contribución al estudio de un género literario. Ambos títulos foron expedidos pola USC.

Margarita centrou a súa traxectoria profesional na docencia, tras aprobar a pertinente oposición de Latín e Cultura Clásica no ensino secundario. Actualmente desempeña o seu traballo no IES Espiñeira (Boiro), onde coordina o Equipo de Dinamización da Lingua Galega. O EDLG está a levar a cabo o Proxecto Editorial Thíasos, unha iniciativa que acubilla as seguintes coleccións: Invisíbeis, que traduce ao galego obras clásicas da literatura universal; Inesgotábeis, que publica produción inédita de autores con textos xa publicados, e Inesquecíbeis, fiestra aberta á creatividade da rapazada. Cómpre salientar que estes labores revisten carácter non venal, pois nacen nunha institución pública e, emporiso, impedida para a difusión comercial. A bitácora deste percorrido pódese consultar en www.thiasosedlg.wordpress.com.

Como tradutora, ademais dos Invisíbeis Cantares sefardís e Poemas a Lesbia, escolmas respectivas do cancioneiro tradicional ladino e dos versos que a Catulo lle inspirou a súa musa, Fernández Gómez ten publicadas dentro da Colección Vétera de Rinoceronte Editora dúas obras: OVIDIO: Cartas das Heroínas, Cangas do Morrazo, Pontevedra, 2018 e HORACIO: Sátiras, Cangas do Morrazo, 2021. Convén subliñar que ambos traballos recibiron unha subvención da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

Asemade, Margarita verteu ao galego As Sátiras de Persio. Limiar, tradución e notas, BARBANTIA. Anuario de Estudos do Barbanza, Ano 2020 – Nº 16. Segundo se infire da referencia, o volume responde ao patrocinio da Asociación Cultural Barbantia. A citada entidade promove A Voz de Barbantia, suplemento mensual de La Voz de Galicia, onde regularmente Fernández Gómez explica algún topónimo da contorna.

Velaí o resumo do seu oficio, ao que accedeu por vocación, e que se funde coa sua devoción: a lectura.

 

               

 

Algo máis sobre Margarita:

Artigo de prensa da presentación de Horacio: Sátiras en Ribeira (Diario de Arousa – Marzo 2023):

La palmeirense Margarita Fernández Gómez presenta la primera traducción al gallego de las «Sátiras» de Horacio