Palmeira. Palmeira Virtual é un proxecto vivo, cambiante e sempre incompleto. Iremos añadindo contidos e actualizando a páxina a medida que o tempo nos permita... Si tendes contidos, correccións, cambios, ideas, colaboracións, suxerencias, por favor poñerse en contacto...

José María Lojo

BIOGRAFÍAS · José María Lojo Vizcaya

Enlace á biografía orixinal en ArteBarbanza. 

 

José María Lojo Vizcaya, «Lojo». Creador de obxetos singulares. ( Palmeira, Ribeira 1950).

O autor das particulares pezas escultóricas José María Lojo Vizcaya.

José María Lojo Vizcaya, é un creador incansable debido a rara enfermidade que padece chamada imaxinación. A súa obra caracterizase polas asombrosas formas que produce construídas a base de pezas de obxetos inimaxinables e quizais, para moitos, considerados chatarra, nas que él ve unha fonte inesgotable de materiais validos para a creación artística. A base de desaparafusadores, guiadores de bicicletas, abrelatas, puntas, chapas, buxías, zapatas de coche, lámpadas… é capaz de argallar e xerar as máis completas creacións. Valéndose de obxetos de desgüace este artista soubo facer unha rica obra única e tan singular en personalidade. Ós 13 anos debido a sua predisposición innata para o traballo manual, e que asegura, venlle de familia, realiza o primeiro traballo: Unha parella de namorados. Comeza a traballar no mar i é nese momento cando consegue deixar voar a capacidade de invención e realizar a maior parte da orixinal produción.

alojo1

 

Lojo Vizcaya, considerase alguén independente e afastado de estilos,  modas ou tendencias pero se tivera que definirse nun movemento consideraríase un modernista pois vive engaiolado pola ciencia-ficción. Aínda que a variedade da obra de Lojo non ocupa unha temática concreta poderíase considerar relevante a colección de retratos e autorretratos así como as series de submarinos e naves. Os problemas que nos afectan socialmente están plasmados nestas producións, este é o caso das pezas tituladas Prestige que reflicten a problemática tras o afundimento ou tamén outras pezas inspiradas en conflitos bélicos os cales son unha realidade actual.

O artista invita ao público a encontrar os matices das particulares invencións, deixarse sorprender polos detalles que dan á peza o seu carácter retranqueiro, picaresco ou amoroso pero en ocasións se lamenta xa que non é moi común que o público se decate deses xogos meticulosos pensados para ser interpretados en diálogo có espectador. É aquel, quen traballa a miúdo con estes materiais, quen se sorprende ao velos reconvertidos como obxeto artístico e quen tamén, regala unha mirada atenta, fixándose nos detalles, espindo a peza, ficando cun entrañable valor estético.

alojo2

Durante o proceso de elaboración o autor non traballa con bosquexos previos, examina a situación dos elementos deixándose levar polo ditado dos materiais que utiliza, buscando a harmonía co resto da montaxe. Algunhas veces consegue a realización da peza en tan só unhas semanas, noutras ocasiones, é preciso reelaborar unha obra varias veces para conseguir o acabado desexado.

alojo3

 

Este particular facedor de obxetos recalca con humildade que o seu facer non é arte senon o gusto de crear cousas orixinais con materiais de uso cotiá. Tampouco lle interesa entrar no mercado senon expoñer a súa obra os demais e que lles guste.

A arte de José María Lojo Vizcaya é diferente, é única.