Domingo Regueira: O artista empeñado en seguir na sombra
Artigo extraído de La voz de Galicia 13 oct 2018.
M. X. Blanco / RIBEIRA / LA VOZ. 13 oct 2018
Os amigos empurrárono a exhibir unha serie de debuxos sobre a obra de Valle-Inclán
Asina as ilustracións que esta tempada se poden ver na sala de exposicións do Museo Valle-Inclán da Pobra, traballos que permiten facer unha viaxe a través da obra do creador do esperpento e que mereceron as loas de persoas como Manuel Cartea, presidente de Barbantia; Antonio González, director da sala; ou do escultor e pintor Manuel Teira. Pero Domingo Regueira non se considera un artista: «Son un chafulleiro, xogo co lapis e consigo facer borranchos». Foi con este último termo co que quixo bautizar unha colección que mesmo se negaba a amosarlle ao gran público.
O seu amigo, que xa daquela era un profesional recoñecido, dedicábase á decoración de locais comerciais e cando deixou Galicia cedeulle a Regueira a súa carteira de clientes. Atendeunos ata que lle xurdiu a posibilidade de converterse en mestre de debuxo. Aínda que podía ter optado por este traballo estable, non tardou en abandonalo: «Como din, os artistas somos un pouco bohemios. Decidín regresar a Barbanza e empecei a pintar acuarelas no tempo libre». Lembra que montou unha exposición no Círculo Mercantil de Ribeira e, aínda que vendeu un feixe de obras, era consciente de que vivir da arte era demasiado complexo.
Asegura que abandonou por completo o eido artístico para montar en Ribeira Estudio 20, pero quen o coñece sabe que mente. Doutro xeito, non se explicaría que os seus amigos descubriran a serie de ilustracións inspiradas en Valle-Inclán que gardaba na súa casa e case o obrigaran a amosárllelas ao público. É contundente á hora de explicar os motivos que o levaron a elaborar estes Borranchos: «Coma a todo o mundo, gústame o bo. Unha inmensa maioría dos escritores fabrican palla, pero Valle-Inclán ensina, leva ao lector por uns camiños metafísicos. É insuperable. Vivo e sinto a súa obra».
Do creador do esperpento, Domingo Regueira salta a outros clásicos como Risco, Castelao, Cuevillas e Bouza Brei para referirse a outra das súas grandes paixóns: «Ao igual que Valle-Inclán, todos eles foron pioneiros no eido da arqueoloxía». Este é un campo que o ribeirense domina á perfección, aínda que, coma no artístico, preferiu ficar nun segundo plano: «Teño feitos varios traballos; un deles, unha carta arqueolóxica do Barbanza». Explica que se trata dun documento no que aparecen reflectidos os vestixios que hai na zona, pero nunca se animou a publicala: «Fixen unhas copias para regalarlle aos amigos, o que pretendo é que se respecte o patrimonio». Si recoñece que contribuíu á investigación arqueolóxica do territorio de Ribeira con dúas publicacións que viron a luz a través do Concello: Petróglifos cruciformes, cruceiros e petos de ánimas e Ribeira desde as súas orixes.
A exposición. A colección Borranchos está integrada por 36 ilustracións a tinta, todas elas inspiradas na obra e na vida de Valle-Inclán, así como en anécdotas sobre o escritor. Estará a disposición do público todo este mes no Museo Valle-Inclán da Pobra, no marco das xornadas de homenaxe ao autor.
Enlace á publicación orixinal de La Voz de Galicia.
Borranchos. De Domingo Regueira
Hoxe incursionamos na ilusionante aventura dun home que leva na ollada e nas mans a forza inconmensurable e orixinal do Homo artisticus, que dialoga coa vida cotiá sempre experto e habelencioso, dende a cordialidade sensible da Historia, de aquí e de sempre.
Dínolo ben Manuel Teira no prólogo ao catálogo da exposición presente no Museo Valle-Inclán, da Pobra: «Entrar no mundo de Domingo Regueira é entrar na maxia druídica do dolmen de Axeitos ou da pedra Leirada». Porque sabemos, os que o coñecemos e queremos, que o seu empeño xira invariablemente ao redor das raíces e do patrimonio de noso. O seu é buscar, estudar, denunciar, dar a coñecer vestixios, ignorados ás veces, que esperan a redención e a supervivencia do seu testemuño.
Tamén nolo di Antonio González Millán, director do museo, no seu limiar: «Estes Borranchos seus, presentados como aproximación persoalísima do mestre á obra de Valle-Inclán, son un exemplo de diálogo conveniente entre as artes visual e escrita, unha sorte de láminas ilustradas de inspiración literaria onde a inventiva e a técnica da tinta artística harmonizan cun gran resultado plástico».
É certo, amigo Teira, que con Domingo «aprendemos a amarmos o noso». Unhas augadas costumistas, de técnica e composición axustadas, escura cor de terra e nostalxia, «que contribúen a encadrar e a definir ese carácter telúrico e de vella lembranza apropiado ás memorias» -que nos di Antonio-, nas que apreciamos a forza dos Esperpentos, das Comedias Bárbaras, do Xardín Umbrío, das Sonatas, d’A lámpada marabillosa… e esa intensidade tráxica e deformada da súa estética expresionista, que o sitúa nos cumios privilexiados da auténtica creación.
Domingo Regueira coñece moi ben a Valle. Por iso é quen de o interpretar con mestría e virtuosismo. Porque hai comuñón e recoñecemento. Custoulle dar este paso, expoñerse á crítica e á intemperie do aplauso, pero finalmente, polo ben da arte e da amizade, témolo entre nós, musealizado, sentimental, caricaturesco e poético, amante do enigma dos soños e da razón que, sabemos, produce monstros. Pero monstros xeniais e gozosos.