
Carlos Callón (1996).
Se houbera que reconstruir a gloriosa historia de Palmeira, o mellor sustento para o facer, non sería posiblemente – nin un libro nin unha fita sonora ou audiovisual (a televisión, tan proclive onte e hoxe a nos facer “grabar grorias estrañas”…). So unha alfombra floral –construida coa sudor de todo o pobo e sobre a cal debería pasar en sagrá procesión para facer memoria do seu pasado e coller folgos para o seu futuro – podería ser un digno medio para representar unha historia tan rica como a palmeirense.
Na arte románica dábaselle moita emportancia a explicar a Biblia en relevos e demais para a xente que tiña como única oportunidade de acercamento o oir o que o crego recitaba da Vulgata; por iso esta arte foi chamada en ocasións “a Biblia en banda deseñada”.
Do mesmo xeito, ésta, que máis ca parroquia merecería ser chamada vila, debería facer unha émula da arte románica e deixar plasmado no chan, cos pétalos das mais variadas e coloreadas flores, o seu decorrer ao longo dos séculos.
Ao comenzo do camiño,as sacrificadas corolas da cor da herba fresca con matices cincentos darán conta dun dos primeiros habitamentos humanos desta Terra de Sagres, ao nos amosar as rupestres e petroglifas Pedras das Cabras.
Pegando un salto no chan alfombrado,e tamén nos séculos,medievais guirnaldas ofrecen unha imaxe fiel do Castelo que Fernán Pianhes tiña no que hoxe é o Peirao de Palmeira.
Na dura época da Baixa Idade Media, este señor feudal resgardou entre os seus muros a dúas deceas de peóns, encargados de furtar ás xentes da Bisbarra. Con caraveis se debuxaría, un pouco máis alá, o heroico acto no que os Irmandiños derruiron Castelo, que só servía coma cova de ladróns e confabuladores.
Mais adiante, no floreado chan, poderíanse mirar os carros das vacas cargados coas pedras que formaban a fortaleza de Pianhes, levadas para construir o Mosteiro de Xobre.
A presencia dos cataláns en Palmeira merecería especial atención: cásequeunha ducia de cadriños amosaríannos cadansúa factoría pesqueira, e do seu redor, o movemento normal nun día calquera do século XVIII. Pero estas imaxes non crearían falsos paraísos: Tamén se nos pintan con trazos maxistrais, como os cataláns fixeran que toda a economía palmeirense repercutira en beneficio para os seus petos. ¡Se mesmo as e os habitantes de Palmeira lle tiñan que mercar aos cataláns os piñeiros dos seus propios montes!.
E despois, cal se un trebón deixara espida unha roseira, da combinatoria de formas e tonalidades dos pétalos desta fermosísima flor poderíanse distinguir os heroicos actos de resistencia das e dos palmeirenses fronte a os fascistas sublevados durante a Guerra Civil.
Un puño en alto, unha bala, sangue…
As xentes que estiveron e están aló na emigración merecerían un respectuosísimo trato. Polo seu sacrificio humano, Palmeira puido vivir mellor, económica, cultural e socialmente.
Cada etapa de crise ou progreso,de alegre victoria ou heroica derrota, sería deseñada nesta alfombra floral, compendio de toda unha historia. A cada paso, a sagrá procesión de cidadás de Palmeira están construindo novas formas florais, o futuro de Palmeira – sempre con ese diptiongo “ei” Xeográfica e humanamente, Palmeira é un elemento conformador de Galiza e, como tal, non perdeu de vista a historia xeral do País. Quizais aí estéa un dos seus grandes tesouros para o futuro.
Carlos M. Callón Torres. Libro de festas de Palmeira, 1996