A Alondra

Autor: Juan Rei (O da Cova)
Data: 08-02-2002

A ALONDRA

¿Cantos de nós, sendo rapaces, non temos oído ós vellos de Palmeira a seguinte advertencia: «¡Coidado coa alondra!»? Isto tiña lugar sempre e cando alguén se aventuraba a xogar na praia de noite.

Na nosa imaxinación, «A Alondra» formaba parte dese grupo de seres lexendarios e lugares máxicos, integrado por nomes tan populares como O Can do Urco, Pepa a Loba, A Igrexa dos Mouros ou a Cova de Juan Rei.

A advertencia sempre surtía efecto. Ningún neno tiña o suficiente valor como para percorrer de noite os solitarios areais sen confundir o son das ondas e o zoar do vento co ouvido dun can ou co alento da alondra.

Cos anos, fomos medrando e perdendo a inocencia. Descubrimos que os Reis Magos non viñan de Oriente e que o amor é bonito mentres dura. E algo semellante ocorreu coa alondra.

A «alondra» non é outra cousa que a londra común, tamén denominada lontra noutras partes de Galicia e coñecida en castelán como nutria. Por similitude co vocablo alondra (referente a un paxaro) e por asimilación do artigo indeterminado feminino singular, «a londra» convertiuse en «a alondra».

Desvelado o misterio, cabe unha última reflexión. Lonxe de amosarnos decepcionados ó descubrir que un dos nosos mitos non é máis que un simpático animaliño carnívoro, debemos extraer as conclusións pertinentes.

Se a londra foi capaz de dar lugar a lendas tan arraigadas entre os nosos vellos, merecería ser adoptada como símbolo da identidade de Palmeira. Agora que os ríos galegos empezan lentamente a ver a súa reintroducción, non habería maior ledicia que contemplala de novo en estado salvaxe, para disfrute dos nosos fillos e para orgullo dos máis maiores.

Foto montaxe cortesía «Jomar»