O Castelo (Xosé Plácido Betanzos García )

O Castelo.

Unha noite de san Xoán, dende a praia de Banda o Río, os raparigos ollabamos as fogueiras: a do Norte a carón de Esteirón, a da Tixosa no illote do que colle o nome e a do Castelo no cumio das pedras; ardían asemellando plantar lume no mar, as lapas axudadas polos refachos do vento do nordés medraban e medraban ata o Ceo.

Mirabamos extasiados, coma fóra de nós cando. nesas, achegouse un vello de idade infinda, a faciana engurrada polas mesturas de moitos, quizais en demasía, anos de sol, e tamén polas friaxes do inverno. Os cabelos brancos coma a neve saían como nunha fervenza do seu chapeu espallándose polos ombreiros, as barbas do mesmo branco chegaban ó peito desaparecendo debaixo dunha capa que arrastraba polo chan. Na man portaba unha longa vara.

Debulla as falas con parsimonia e con aire de total ausencia, coma afastado do que estaba a acontecer preto de alí.

Comeza a dicir “Hai máis ou menos cincocentos anos O Castelo ardeu aínda se cabe máis que agora, os irmandiños destruíron o Baluarte que estaba no mesmo lugar”.

Diante da nosa incredulidade, el espetounos sen inmutarse. “Eló, vós por que pensades que lle chaman a praia do Baluarte? – debuxando un sorriso no bico. – Vouvos contar.”

“A fortificación ficaba seca co devalo e na chea o mar escachaba contra os muros. A conxunción das mareas facíaa inexpugnable para os exércitos inimigos, dominaba a terra e o mar. No alto das murallas amosábanse uns homes outeando o abrente, como disuadindo a quen ousara pensar nun asalto, vestidos coas cotas de malla lixeiras a xogo co casco relucente, o escudo na man esquerda e a lanza na dereita, penduradas do cinto as espadas. Ó seu carón os arqueiros, atentos á orde de disparo ó máis leve indicio de ataque.

O exército dos irmandiños acampaba no que agora coñecedes pola Arrochela, mentres a diario tomaba posicións a carón da praia en terra firme, dende onde impedirían a chegada de calquera forza de auxilio.

Os cabalos pastaban alleos a todo o que acontecía ou puidera acontecer, de pouca alzada, cabeza pequena, ollos saíntes e marcados, orellas pequenas; sólida estrucura, as patas curtas, finas e fortes, musculadas e poderosas. As pelaxes negras e castañas, sobresaían as crins nuns pescozos ben proporcionados, e o lombo recto, veloces coma o vento, e resistentes.

O xefe combatera ás ordes do mariscal Pardo de Cela e formara parte da tropa de Roi Xordo. A experiencia gañada nas batallas facíao dubidar entre o asedio ou afrontar o ataque cunha desvantaxe importante, xa que o seu exército estaba conformado na súa meirande parte por mariñeiros e labregos.

Ollaba cara a un grupo de homes con alabardas provistas de puntas triangulares, asemellaban ser de ferro co fío recentemente afiado, as espadas curtas cinguidas por unha correaxe ós cadrís. De estatura media, fortes coma buxos, barbados, vestían camisas e chalecos de pel, saias curtas e polainas nas pernas, nos pés unha especie de botas de pel amarradas cunhas tiras de coiro ós nortellos. Nos pulsos unhas braceiras de coiro.

Sacouno das súas cavilacións, aló polo serán, unha mesta néboa, que paseniñamente ía apartando da vista todo o que tiña forma. Contaban con moita ramada seca preparada para unha ocasión coma a que comezaba a presentarse. Cando non se vían nin as mans os homes furtivamente íana amoreando a carón da porta de madeira diante das sentinelas, que tranquilos e adurmiñados esperaban rematar a quenda de garda. No medio das pólas metían vexigas cheas de graxa e aceite para favorecer a combustibilidade.

Os gardiáns no medio da brétema e da noite non daban creto ás luciñas que saían coma o raio das fileiras inimigas, ata que o lume case chegaba a eles; foi cando se deran de conta do que estaba a acontecer na porta do Boluarte. As lapas daban nos muros unha claridade semellante á do día e os soldados caían coma as moscas baixo as frechas do inimigo, resgardado na escuridade. A loita durou ata o abrente, cando en vez de lume quedaban unhas ascuas esmorecendo e a porta caía polo seu propio peso con gran estrondo. O momento agardado polos sitiadores para entrar no Castelo. Penetraron sen apenas resistencia, facendo poucos prisioneiros. Non deixaron pedra enriba de pedra, desfixeron os muros que xa estaban fendidos pola calor. De alí a algúns anos, aquelas mesmas pedras aproveitáronse para conformar o peira,o e hoxe en día seguen ergueitas coma a primeira hora”.

“Mirade rapaces, esta historia xa non lle acorda a ninguén, pero eu douvos fe de que houbo un Baluarte”, dicía, mentres ía afastándose fincando a vara na area.

Xosé Plácido Betanzos García (2009) (Libro de Festas de Palmeira)