A congostra dos lamentos (Francisco A. Vidal)

A congostra dos lamentos.

 

A congostra é un camiño, nin máis novo nin máis vello que unha estrada, nin máis nin menos importante que un camiño real, ela cruza regueiros, lameiros e pedregais para unir as aldeas e levar a uns e outros ó encontro da vida, do traballo ou dos pesares. Ela discorre co ancho dos rodeiros dun carro afundindo o terreo polos moitos anos de uso e deixando no alto os campos; as súas abas teñen escadas e pasadizos para que as persoas poidan subir ós eidos pero non os animais que poden estragalos.

A congostra é unha obra feita coa paciencia dos séculos. Pódese calcular cantos anos ten unha estrada, pero esta congostra naceu cos tempos, con eles foise ancheando, e con eles facéndose necesaria e imprescindible.  

A literatura oral está cheas de historias que teñen por escenario unha corredoira coma esta, nela poden aparecer personaxes das máis variadas cualidades, desde un bandoleiro ata un namorado, desde un trasno bromista ata unha alma en pena, desde un borracho gracioso ata un paseado da guerra, cada un coa súa peculiar historia e a súa necesaria lección de amor, carraxe, enxeño, ou pundonor; e o espírito destas historias perdura co tempo no cerne da congostra ata converterse no seu mito e a súa alma.

O conserxe dun colexio de preto de Santiago chegou a ensinarme a foto da causante dunha historia de desconsolado amor que tivo por escenario esta corredoira, e un veciño do lugar a dun zapateiro que apareceu nela un amencer do trinta e seis co corpo cosido a tiros; no que ningún dos dous se pon de acordo é en dicir de quen son os lamentos que nela se oen certas noites do ano.

O primeiro asegura que son os laios do namorado que se cansou de agardar á súa amada naquel recóndito lugar, e vendo que ela non acudía á cita sentiu que se lle acababa o mundo, que sen aquel intre de segredo pracer, polo que era capaz de soportar o paso do día mentres agardaba o eufórico encontro, a súa vida non tiña sentido. O desconsolado volveu varias noites á cita ata que soubo que, embarazada, foi recluída nun convento de Compostela. Aquela noite, o coitado de amor chorou tanto que, asegúrase, os lameiros do máis profundo da congostra xa nin secan no verán, e cando xa non lle quedaban bágoas nos ollos pendurouse dun carballo que estende as súas polas como teito deste vieiro. Moitas noites de cru inverno, asegúrame o conserxe, o penado foxe da friaxe do cemiterio para buscar acollida na corredoira en que noutro tempo quecía coa súa amada, e a súa alma desconsolada, anda xemendo por entre os valados e as silveiras.

O segundo di saber de certo que eses son os lamentos dun coitado zapateiro que aseguraba ós seus verdugos que el non era comunista nin nada parecido, e imploraba ó ceo pedindo un milagre que o ceo non se dignou facer. Tan desesperantes eran os laios do infeliz que ficaron prendidos nos arredores da congostra, e en certas noites, como un aviso de posibles maldades, libéranse das profundidades para advertir ós camiñantes de que o mal anda ceibe.

Os máis incrédulos din que nada diso é verdade, que iso dos lamentos non é máis que o vento asubiando entre as silveiras. Pero eu, isto si que non o creo.