Alberto Romero Bermo

Alberto Romero Bermo nacido en Palmeira (abril 1961 – setembro 2015), emigrou a EEUU á idade de 12 anos e volveu a Palmeira aos 35 anos. En EEUU estudou Psicoloxía, Periodismo e Dereito. Practicou dereito corporativo durante uns cantos anos ata volver a España, onde traballou para o Grupo Lumar en diversos postos e proxectos. Tamén foi xuíz de paz na Pobra do Caramiñal. Alberto era o máis novo de 3 irmáns, casado e con 3 fillos.

Foi un apaixonado da vela e das artes, creativo por natureza e fantástico escritor. Escribiu obras de poesía, novelas e relatos curtos en 3 idiomas, galego, inglés e castelán, aínda que nunca se interesou pola súa publicación. Ocasionalmente algunhas das súas obras viron a luz en foros electrónicos e revistas, así como no libro de festas de Palmeira, pero a inmensa maioría segue inédita. Nos seus comezos entusiasta do cine e teatro, chegou a producir un par de obras curtas presentadas na universidade en EEUU.

Unha persoa moi involucrada na educación e na sociedade, tivo varios cargos en ANPAs do concello onde contribuíu á defensa do ensino público; foi durante moitos anos secretario da Asociación Lajareu por Barlovento colaborando para manter viva a dorna a vela; e participou en comisións e organizacións culturais e lúdicas sen ánimo de lucro, comisión de festas, Tirapuxa, Baleíña, Sociedade Fillos de Palmeira. Alberto sempre miraba polos demais antes que por si mesmo, e deixou unha fonda pegada nas persoas que tivemos a honra de coñecelo.

No ano 2017 nace a Asociación Cultural Alberto Romero (pinchar aqui para máis info), con sede en Palmeira pero de ámbito comarcal, traballando cas ANPAs de todo Arousa Norte e organizando un Certame Audiovisual de Curtas que leva o seu nome. Esta Asociación publica no ano 2019 o libro Relatos, Contos Ananos, Mitos e Vergoñas. Esta publicación é unha pequena mostra e recompilación de variedades das moitas cousas que Alberto deixou escritas. Non é a súa obra completa. Esta mostra tan só recolle obras en galego, aínda sendo inglés a súa lingua preferida para escribir e da que máis traballos temos. Sabemos con certeza que algúns dos seus traballos son incompletos, e están sen depurar, sen corrixir e sen rematar. Estes traballos publícanse tal cal foron escritos por Alberto, respectando as súas palabras, coloquialismos, datas, notas e espazados, con dedicatorias incluídas cando existen, na súa forma e autoría orixinal, algúns firmados por el mesmo e outros por algún dos seus pseudónimos, xa que así é como os firmaba. Lorenso Queimacasas, entre outros, é unha invención e pseudónimo de Alberto Romero Bermo.