Xosé Plácido Betanzos García

Xosé Plácido Betanzos García, Palmeira (1952-2018), dedicou a meirande parte da súa vida profesional ao ensino e a actividade política e social. Os últimos 22 anos exerceu como profesor de Tecnoloxía no IES Leliadoura de Frións (Ribeira). Foi voceiro do BNG en Ribeira dende o ano 1992 ao 2002. Tamén candidato á alcaldía nos anos 1995 e 1999.

Como home de letras, gañou o primeiro premio do terceiro Certame Valle Inclán (A Pobra do Caramiñal) co relato Santiago García “O Laverco” no ano 2002; gañador así mesmo do primeiro premio de Relatos na Emigración (Bos Aires), co relato Fendas no ano 2004. Entre outras colaboracións destacan a realización do guión para o documental sobre a historia de Ribeira Recordos da ardentía, na conmemoración do centenario do nomeamento de Ribeira como cidade. Colaborador como entrevistador co xornal La Voz de Galicia, e colaborador da revista Terra e Tempo.

Como narrador, no ano 2009 presentou a súa primeira novela Coiteladas na alma, con limiar de Francisco A. Vidal, editada por Creacións e  Producións EraDixital. No ano 2011 publicou Paravea no inferno con Edicións Fervenza, e no ano 2016 publicou a súa obra máis aclamada Bágoas na Chuvia, tamén con Edicións Fervenza. A título póstumo o IES Leliadoura adicoulle a aula de Informática por petición do alumnado e co apoio unánime do profesorado, e na feira do libro de Ribeira 2018 fíxoselle un acto de lembranza.

No ano 2019, a Comisión na Memoria de Plácido Betanzos logra que o Concello de Ribeira nomee o paseo marítimo que conduce ao Porto de Palmeira como Paseo Plácido Betanzos ca instalación de unha placa conmemorativa no seu recordo. Esta Comisión logra tamén editar un libro póstumo en colaboración ca Mancomunidade Arousa Norte e a Deputación da Coruña onde se recollen moitos dos seus relatos cortos antes dispersos en diferentes publicacións e varias mostras de cariño de diferentes autores publicadas na prensa despois do seu pasamento. Esta obra chámase Relatos e Lembranzas.

Portadas dos libros de Plácido Betanzos