Francisco A. Vidal

Francisco Antonio Vidal Blanco (Palmeira-A Bouciña, 1957), escritor e etnógrafo que iniciou a súa andaina literaria en 1977 con artigos publicados na prensa, de temática variada, desde a etnografía ata a ciencia, onde se afrontou o, ata daquela infrecuente, vocabulario técnico en galego, coa serie de principios dos 80, no periódico A Nosa Terra, Ciencia, Técnica e Trebellos. Na actualidade colabora con “La Voz de Galicia” (edición da Barbanza), publicando artigos semanais baixo o título xenérico de Lingua Proletaria.

 Como narrador, viuse compensado con distintos premios literarios, tanto no referente á novela como ó conto, entre eles, o Premio de Narrativa do Concello de Vilalba, galardón que obtivo en dúas ocasións, dous accésits do Pedrón de Ouro, Breogán de Narrativa do Centro Galego de Baracaldo, Relatos Breves do Centro Rexional de Castilla-La Mancha de A Coruña, Ólisbos de Literatura Infantil,  Novela de Aventuras “Antón Avilés de Taramancos” patrocinado polo Concello de Noia, Narrativa do Concello de Viveiro e Terra de Melide.

Entre as obras publicadas, son de salientar O Cuarto dos Ausentes, Os Chanzos da Escada (traducida ó castelán co título de El Constructor de Escaleras), A Luz da Eclipse e os Pecados Capitais, centradas nun universo propio cuxo epicentro é o pobo imaxinario de Cerqueixo; Ollos de Anxo da Morte,  relata o asolagamento dunha parroquia da Baixa Limia,  A Derradeira Decisión desenrolada entre a Galicia sueva e o Bizancio de Xustiniano, O Botín da Inmortalidade, unha novela de aventuras mariñeiras no século XVI, ambientada na ría de Arousa, As deusas do Calvario e O coitelo de Pedra Fundida, que, xunto con varias publicacións colectivas, onde aparecen os relatos breves, completan a súa produción creativa.

 Na súa faceta de  activista cultural desenvolveu o labor principal desde asociacións tales como a Agrupación Cultural O Facho de A Coruña onde foi vicepresidente, a  Asociación “Manuel Murguía” de Oseiro (Arteixo), co cargo de secretario, e actualmente está na dirección da tamén arteixá asociación Polos Camiños da que é membro fundador.            

En referencia ó seu traballo como etnógrafo e articulista, hai que resaltar as colaboracións no periódico “A Nosa Terra” coas series, Camiño Vello, Congostra Nova e Meu Santo, Miña Santiña e, no ámbito local, en “El periódico de Arteixocoa sección titulada Polos Camiños de Arteixo.

Asemade, no eido da literatura infantil, foi premiado e publicado o conto Piquiño Mouro e no referente á  literatura dramática, a obra A serea.

O labor de investigación e reivindicación da figura de Manuel Murguía, levouno a impulsar a reedición de varias obras do Patriarca e á publicación de libros e numerosos artigos sobre este ilustre arteixán, tales como a biografía Manuel Murguía, con tradución ó castelán, Os textos en galego de Murguía e a serie de artigos publicados en “O Correo Galego” e recollidos nun volume titulado Murguía: as letras e a historia.

Desde o 23 de abril do 2008, Día do Libro, a biblioteca  de O Froxel (lugar no que naceu Murguía) ten, por acordo do pleno municipal de Arteixo,  o nome oficial de Biblioteca “Francisco A. Vidal”.

Para ver unha biografía máis completa ca cronoloxía das súas obras  e os premios acadados ver:

Biografía de Francisco A. Vidal na Galipedia (a Wikipedia en Galego).