Club Palmeira (Juan Bautista Ramos Saíñas)

Club Palmeira

Cando a principios de século XX os ingleses levaron o fútbol ó continente, convertíndoo no deporte máis popular da terra e conquerindo que a súa linguaxe se tornara universal, os portos de mar foron os primeiros escenarios daquela novedosa práctica. Palmeira, emigrante e mariñeira por excelencia, non puido sustraerse á influencia e ó encanto desa nova actividade.

Coa chegada dese novo deporte, o fútbol invade as rúas de Palmeira, e os rapaces buscan calquer momento libre para montar duas porterías ,darlle patadas ó balón e disputar un partido cos amigos . Nese senso, entendido como mera diversión, os nosos vellos din que o fútbol evolucionou moi pouco pero esa é parte da súa grandeza, o feito de gardar fidelidade ós principios que lle deron vida. Naturalmente, os medios cambiaron moito : os campos son de herba, os balóns en vez de pelotas de trapo, son tratados químicamente para que manteñan estable o seu peso, os postes son de aluminio no sitio de paus de pino … pero aquel espíritu de diversión mantense aínda hoxe en día.

A pesar de que na década dos trinta se disputan partidos contra outras parroquias veciñas, Palmeira comenza a ter un equipo de fútbol representativo do pobo na década dos corenta. Cando viña un navegante que lle gustaba o fútbol, traía camisetas coas que os seus compañeiros disputaban os partidos. En 1.945, o fútbol recibe un impulso máis coa chegada ó Palmeira de Ignacio González Montes que viña de xogar no R. C. Celta, e que tras arduas xestións consigue que o Celta veña a disputar un partido en Palmeira. Ese partido celebrouse o día do Cristo de 1.945 e para tal ocasión ampliouse o campo da Sociedade ata 60 metros de lonxitude.
Asi continúan as cousas ata o ano 1.968, en que se decide federar o equipo. José Manuel Vizcaya foi o primeiro presidente do club e tras duras negociacións decídese que o Club sexa unha sección máis dentro da Sociedade Fillos de Palmeira. José Antonio Otero convertiuse no primeiro adestrador. Non tardaron en chegar os éxitos, e na tempada 1.970 / 1.971 o equipo queda campeón e logra o ascenso á Serie A Preferente, competición que disputaría na tempada seguinte e que ata o momento e a categoría máis alta na que o Palmeira competiu. A finais desa tempada, que concluiu co descenso do Palmeira, chega o punto máis alto da nosa historia , xa que en Agosto de 1.972 o Palmeira queda campeón da Copa do Sar ( naqueles intres, aínda denominada Trofeo da Caixa De Aforros de Santiago) ó vencer na final o Noia por 2 – 0. No ano seguinte repetiríase final pero daquela o Noia venceu por 2 –1.

Outro dos momentos importantes neste breve percorrido pola historia do noso equipo, acontence na tempada 1.982 / 1.983 , cando o equipo xuvenil dirixido por Manolo “Sucuruco” queda campeón de liga ( e o último trofeo alcanzado por un equipo de base do Palmeira) e conquire o ascenso á Liga Galega de Xuvenis que disputaría na tempada seguinte.
Nestes momentos (2001-2002) o Club Palmeira ten 7 equipos federados (senior, xuvenil, cadete, infantil, alevín, benxamín e femenino) . En categoría senior , o equipo está no momento máis baixo da súa historia ó descender a 3ª rexional, lugar que esperamos abandone na vindeira tempada , e dende aquí facemos un chamamento para aunar esforzos e entre todos conquerir cotas máis altas.

 

**Vaian dende aquí os nosos agradecementos a tódalas persoas que colaboraron na creación desta páxina do Club Palmeira por adicarnos o seu tempo e, á falta de documentos, convertirse na memoria á que apelar para conseguir que esta breve síntese histórica do Club Palmeira saíra á luz.