As festas do San Xoán (Ano 2007)

As festas do San Xoán

-Cronoloxía dunha celebración-

 

 Esta historia comeza alá polo mes de xuño do ano 1962. Son as vésperas do San Xoán en Palmeira e o noso personaxe decide iniciar os preparativos para festexar a súa onomástica. Desde que a súa memoria lle alcanza, desde os tempos en que era un neno no seu Portugal natal, este día sempre tivo un especial significado para el. Ás lembranzas da noite máxica únese agora, por vez primeira na súa vida, a saudade pola súa terra e a súa xente. Malia todo, está resolto a continuar. O tempo aprema, o traballo é abondoso e por nada do mundo vai permitir que uns simples sentimentos se interpoñan no seu camiño …

Máis de corenta anos nos separan deste instante memorable. Raras veces un xesto tan inocente tivo tan profundo calado, ata o punto de revolucionar uns costumes ancestrais.

Chamábase João da Silva, pero todo o mundo o coñecía polo alcume do Señor Xoán “o Portugués”. Apenas levaba un ano residindo en Palmeira, onde se mudara coa súa familia para traballar de encargado na fábrica de Ignacio. Un día, andando de chiquiteo polos bares do Porto coa súa pandilla de amigos —entre os cales se incluía Moncho “o do Grove”, que tamén traballaba para Ignacio coma capitán do seu barco, o “Doche”—, decidiron ampliar os festexos e celebralos en conxunto. Empezaron facendo pequenas aportacións persoais: uns conservas, outros sardiñas, outros viño, outros caixas para queimar na Tixosa… Así ata organizaren unha especie de festa gastronómica.

A idea tivo tanto éxito que, ó ano seguinte, os veciños con máis tendencia musical e parrandeiros do pobo comezaron a amenizar a celebración. Entre eles destacaba o trío formado por Isidro Pérez “o Corbelo” ó tambor, Xoán Iglesias “o Frutos” ó bombo e Ventura Martínez “o Faustino” á gaita.

Ó terceiro ano, tres rapaces de Palmeira constituíron a primeira comisión de festas do San Xoán co obxectivo de iren pedir polas casas. Eran Xosé Iglesias Pazos “o Martínez”, Manolo García “o Lapotes” e Manolo Núñez “Nono”.

As festas alcanzaron o seu apoxeo a finais dos sesenta e principios dos setenta, cando a competencia entre barrios propiciou que as labaradas fosen máis grandes e numerosas que noutras épocas. Mesmo nunha ocasión, un dos lugares elixidos para a queima resultou ser a Insa da Perilla. A sona das fogueiras palmeirás acadou tales dimensións que axiña se converteron nun dos espectáculos máis grandiosos de toda a bisbarra. Tanto é así, que existen testemuños procedentes do outro lado da ría afirmando que os veciños do Grove tiñan por costume achegarse esa noite ata a praia para contemplaren o resplandor das sete fogueiras que desde alí se podían divisar.

En Palmeira, as festas do San Xoán abarcaban dous dias, o 23 e 24 de xuño, con verbena na explanada do Eitón, atraccións para os mais xoves, competicións deportivas e outras actividades.

Na década dos oitenta chegou o declive. Tras varios anos sen organizarse festexos, constitúese unha comisión en 1991, que traslada por primeira vez o palco á Arrochela, ó recén estreado recheo. Foi un esforzo illado que non tivo continuidade en anos posteriores. As fogueiras aínda sobrevivirían un tempo máis; pero a estocada definitiva chegou con motivo da inauguración no Castelo do monumento ó emigrante. A última fogueira do Porto celebrouse en 1997. A última queima na Tixosa tivo lugar no 2000. A última do Norte en 2001. Na medianoite do 23 de xuño de 2002, o horizonte palmeirán estaba tan escuro coma calquera outro día do ano, sendo a única luz perceptible a procedente da iluminación pública.

E así chegamos ó momento actual, no que unha nova comisión empuña as rendas desta celebración. Só o tempo dirá se a iniciativa se vai consolidar. Polo de agora, o espírito de João da Silva mantense vivo nos corazóns duns cantos nostálxicos. Oxalá que no futuro sigan soprando ventos tan favorables.

 

X. A. Bello, S. García e X. Rivas