O Santísimo de Palmeira (Francisco A. Vidal)(1996-2000)

O Corpus, a grande festa do catolicismo, caracterizada pola grandiosidade civil e relixiosa, celébrase en Palmeira (Ribeira), o primeiro domingo de xullo, «despois de que San Xoán bendice as augas», complementando con el os festexos do solsticio de verán.

As primeiras celebracións do Santísimo documentadas nesta parroquia son do primeiro tercio do século XVIII, cando un canónico de Santiago manda que se forme unha confraría con veciños «acomodados». Na actualidade, e xa desde mediados do século pasado, os confrades palmeiráns son os matrimonios que cumpriron os vintecinco anos de casados, sen outra razón nin motivo diferenciador.

A invitación para ser confrade faina dun ano para outro o párroco, de acordo co libro de matrimonios e, segundo reza a tradición, non é de bo agoiro negarse a tomar parte nesta confraría. Sexa por isto, pola pompa de que non está exenta a celebración ou porque é unha ocasión para celebrar as «Vodas de Prata», son moi raros os casos nos que alguén renunciou a ser confrade.

Os elementos que lle dan maior vistosidade á procesión e polo que se diferencia das do resto do ano son, a propia Custodia ou Viril, as alfombras e o arco floral. Este último é o elemento decorativo máis primitivo, o que desde sempre se fixo dando paso á entrada do adro. Trátase dun maxestuoso arco elaborado con flores, maioritariamente hortensias, entrelazadas sobre unhas columnas e trabes de madeira, con múltiples arquiños superpostos nos laterais, entre os que se deseñan símbolos relacionados coa propia celebración e coa historia local, deixando libre só o grande arco central, por debaixo do que pasará a procesión.

As alfombras, que nesta parroquia remontan a súa tradición a mediados da década dos cincuenta, fanse con sal e area tinxida, ademais de pétalos de flores, con que se reenchen uns debuxos marcados sobre o chan da rúa; e nelas, coma no arco, os deseños varíanse cada ano, o que as enriquece como elementos que son de arte efémera. E se é un espectáculo contemplar a obra rematada, non o é menos ver á mocidade palmeirá afanada, o día enteiro, nun labor de colaboración plena. E ó final, antes da saída da procesión, todos admiran esas obras que só poderán ser pisadas polos confrades que levan o Palio, baixo o que o párroco porta a Santa Custodia.

 

Pero neste día, a anécdota máis repetida encol da festa palmeirá é a que nos conta como foi que antes da guerra, cando se necesitaba reafirmar o catolicismo de cada lugar, aquí, o párroco pediu a colaboración da veciñanza para facer unha Santa Custodia que honrase ó pobo, e para iso solicitou xoias que logo se fundirían e transformarían, «convertendo eses obxectos da vaidade en roupaxes de loubanza a Deus». Así, cada quen dou o que puido para tan solemne fin, pero aquelas alfaias, doadas pola devoción popular, antes de ser entregadas ó xoieiro, foron roubadas da mesma casa parroquial. Daquela houbera sospeitosos, pero non se encontrou ó culpable e déronse por perdidas. Houbo entón que acudir de novo á caridade dos devotos fregueses; e co segundo donativo, desta vez mellor gardado, elaborouse unha Santa Custodia «tan fermosa e digna, que aquí si se podía dicir que resplandecía máis que o mesmo sol».

O párroco tiña o privilexio de sacala da Igrexa e de metela o día da precesión, pero durante o traxecto había que remudalo, de tan pesada que era, tal, que quen a levaba tiña que amarrala ó corpo cunhas correas que a aguantasen, para que os brazos non desfalecesen.

Pero un ano, durante a procesión, as miradas converxeron no crego e no Viril. Aquela Santa Custodia non parecía a de sempre, o párroco, ese ano, fixo o traxecto sen necesidade de remuda nin correas que lla aguantasen.

Non, non era un milagre, era unha copia. O malo é que ninguén sabe onde está a orixinal.

Francisco Ant. Vidal