Sobre Alberto Romero


Alberto Romero Bermo nacido en Palmeira (abril 1961 – setembro 2015), emigrou a EEUU á idade de 12 anos e volveu a Palmeira aos 35 anos. En EEUU estudou Psicoloxía, Periodismo e Dereito. Practicou dereito corporativo durante uns cantos anos ata volver a España, onde traballou para o Grupo Lumar en diversos postos e proxectos. Tamén foi xuíz de paz na Pobra do Caramiñal. Alberto era o máis novo de 3 irmáns, casado e con 3 fillos.

Foi un apaixonado da vela e das artes, creativo por natureza e fantástico escritor. Escribiu obras de poesía, novelas e relatos curtos en 3 idiomas, galego, inglés e castelán, aínda que nunca se interesou pola súa publicación. Ocasionalmente algunhas das súas obras viron a luz en foros electrónicos e revistas, pero a inmensa maioría segue inédita. Nos seus comezos entusiasta do cine e teatro, chegou a producir un par de obras curtas presentadas na universidade en EEUU.

Unha persoa moi involucrada na educación e na sociedade, tivo varios cargos en ANPAs do concello onde contribuíu á defensa do ensino público; foi durante moitos anos secretario da Asociación Lajareu por Barlovento colaborando para manter viva a dorna a vela; e participou en comisións e organizacións culturais e lúdicas sen ánimo de lucro, comisión de festas, Tirapuxa, Baleíña, Sociedade Fillos de Palmeira. Alberto sempre miraba polos demais antes que por si mesmo, e deixou unha fonda pegada nas persoas que tivemos a honra de coñecelo.