Inscricións e bases


BASES DO III CERTAME AUDIOVISUAL DE CURTAS “ALBERTO ROMERO” (2018)

As Inscricións aínda non están abertas  (Inscrición será entre o 1 de Setembro e 31 de Decembro)

Correo electrónico de contacto: info@albertoromero.org

CENTROS EDUCATIVOS E DE DIVERSIDADE FUNCIONAL DA MANCOMUNIDADE AROUSA NORTE, E UNHA CATEGORÍA LIBRE ABERTA A TODA GALICIA.

CONCELLOS DE RIANXO, BOIRO, A POBRA DO CARAMIÑAL E RIBEIRA

                    

1.      Poderán participar e optar aos premios calquera estudante ou grupo de estudantes de todos os centros de primaria (cursos 5º e 6º), secundaria (ESO), bacharelato, e usuarios/as de centros de diversidade funcional dos concellos da mancomunidade Arousa Norte. Tamén haberá unha categoría libre aberta a toda Galicia para todas aquelas persoas ou grupos de persoas que desexen participar e non entren en ningunha das categorías anteriores (estudantes ou non). Cada participante, grupo ou centro poderá inscribir tantos traballos como desexe.

2.      Os traballos de carácter individual ou colectivo deberán axustarse ao formato de vídeo edición dunha curtametraxe de ficción ou dun documental que preferentemente non superen os 5 minutos de duración, e en ningún caso os 10 minutos. Os traballos deberán ser entregados a través de Youtube ou Vimeo, enviando os datos de inscrición e ligazón do vídeo a través do formulario web en www.albertoromero.org. Poderanse inscribir de forma pública ou oculta pero a Organización do Certame deberá ter acceso a eles.

3.      A temática será completamente libre e os vídeos deberán ser orixinais. Non se admitirán vídeos que teñan un claro contido sexista, racista, ou calquera outra manifestación de discriminación. Recoméndase que os contidos sexan aptos para todos os públicos.

4.      Os traballos deberán ser propiedade dos autores/as. Se fan uso de recursos con dereitos de autor a responsabilidade de uso recaerá sobre os creadores do vídeo. Aínda que os dereitos do material entregado pertencerán sempre aos autores, coa aceptación das bases autorizase a difusión dos traballos por parte da organización do certame, así como o uso dos datos e imaxes dos participantes.

5.      Valorarase especialmente a capacidade do vídeo para conectar co público, así como tamén a súa complexidade, orixinalidade e o seu valor estético. Tamén se valorará positivamente a contribución dos traballos á normalización do uso da lingua galega, así como a súa capacidade de espertar o espírito crítico fronte á sociedade na que vivimos.

6.      Os vídeos deberán entregarse (inscribirse) entre as datas do 1 de setembro e 31 de decembro de 2018. A entrega de cada curta debe ir acompañada de todos os datos requiridos nos formularios de inscrición (dispoñibles  na web www.albertoromero.org unha vez aberta  a convocatoria). A ligazón do vídeo debe ser válida como mínimo ata o 31 de marzo de 2019, e debe ser unha produción de 2018.

7.      Os vídeos finalistas participarán na terceira edición do certame audiovisual de curtas “Alberto Romero” optando aos seguintes premios:

a.      Premio dotado con 300 € para 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO

b.      Premio dotado con 300 € para 3º e 4º da ESO, 1º e 2º de bacharelato

c.       Premio dotado con 300 € para centros de diversidade funcional

d.      Premio dotado con 300 € para categoría libre aberta a toda Galicia

8.      Os premios poderán quedar desertos se ningún dos vídeos participantes reúne un mínimo de calidade, a discreción do xurado. O xurado estará composto por representantes das ANPAs, colaboradores e profesionais do sector audiovisual.

9.      Nas tres primeiras categorías é necesario que as rapazas e os rapaces formen parte da obra, participen na súa produción, interpretación, etc. O profesorado  pode axudar e orientar nestas producións, pero non levala a cabo na súa integridade. Para iso teñen a categoría libre.

10.   A entrega de premios terá lugar nunha gala de presentación que se celebrará no mes de Febreiro de 2019. Na semana previa á gala comunicarémonos cos participantes dos vídeos nomeados.

11.    As persoas menores de idade participarán no Certame baixo a responsabilidade do seu titor/a legal e terán que vir acompañadas á Gala dun adulto responsable.

12.   Toda a información estará dispoñible na páxina web: www.albertoromero.org

13.   Os datos de carácter persoal serán tratados de acordo coa vixente Lei orgánica de protección de datos (LOPD).

Organizado por: Asociación Cultural Alberto Romero.